CAPTURA PORATADA.png

MEDIDAS NECESARIAS PARA O IMPULSO DO TECIDO PRODUTIVO DE REDONDELA

A ASOCIACIÓN DE EMPRESAS DE REDONDELA FAI CHEGAR AOS PARTIDOS POLÍTICOS QUE CONCURREN ÁS ELECCIÓNS MUNICIPAIS DE 2023 UN PAQUETE DE MEDIDAS NECESARIAS PARA O IMPULSO DO TECIDO PRODUTIVO DE REDONDELA.

O COLECTIVO EMPRESARIAL APELA A UN PACTO SOCIOPOLÍTICO PARA A POSTA EN MARCHA DUN PROXECTO DE PLANIFICACIÓN ESTRATÉXICA A CURTO E MEDIO PLAZO QUE REVITALICE O DESENVOLVEMENTO SOCIOECONÓMICO DO CUARTO MUNICIPIO DA PROVINCIA.




A análise da situación socioeconómica do municipio fai que se manteñan acesas certas luces de emerxencia do sector empresarial sobre as que é preciso actuar de forma urxente. Pero, como ante calquera emerxencia, é preciso a intervención coordinada dos equipos de emerxencia e que estes conten cos equipamentos de intervención axeitados. Neste momento Redondela require de esta actuación coordinada dos distintos axentes sociais e políticos que operan no municipio para acadar resultados efectivos.

 

Así, tan só con votar unha ollada aos datos de poboación que nos retrotraen a niveis de fai 20 anos, compre abrir unha primeira reflexión sobre os compoñentes deste contexto sociodemográfico dunha vila, dun municipio, que noutro hora foi quen de atraer buscadores de oportunidades, grandes nomes, grandes persoas empresarias, grandes persoas emprendedoras, chegados de fora na procura de oportunidades que as atoparon e que contribuíron ao engrandecemento de Redondela. Pero nas últimas décadas, lonxe de atraer talento, Redondela está a exportar talento, moitos nomes redondelás teñen acadado importantes logros en ámbitos profesionais do máis diverso (cultura, política, ciencia...) e sexa este motivo de orgullo pero tamén de fracaso pola perda da oportunidade de que o valor engadido das súas capacidades non redunde no desenvolvemento socioeconómico local.   

 






Fonte: IGE.


Grandes ameazas están en cernes sobre un modelo económico inconexo e non planificado, pero grandes oportunidades están ao alcance dunha localidade que leva centos de anos mirando pasar o tren e que con certa ironía pasa igual que as oportunidades, que teñen sido moitas as que teñen pasado e non se teñen aproveitado. Tal vez ter o tren tan ao alcance da man nos faga pensar que calquera outro día é bo para collelo pero a diferencia nestes tempos de cambio de modelo produtivo
é que tal vez esteamos por primeira vez ante a última oportunidade de subirnos a ese tren das oportunidades.

 

Tres liñas de actuación e catro plans estratéxicos son os que se recollen no documento remitido polo colectivo empresarial aos grupos políticos que concorren as eleccións municipais no Concello de Redondela  e no que apelamos por un Pacto Socio-Político para poñelos en marcha.

 

O punto de partida pasa pola aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal. Redondela precisa con urxencia dun instrumento de ordenación que poña rumbo a un novo futuro baixo unhas premisas básicas:

v Ordenación e posta en valor do Litoral

v Creación de novas infraestruturas que melloren a accesibilidade e faciliten a conectividade viaria e ferroviaria.

v Deseño dun urbanismo comercial favorecedor e integrador.

v Recuperar a centralidade administrativa atraendo sedes de outras administracións ou organismos.

v Ordenación e ampliación  das áreas empresariais.

A necesaria implicación dos distintos axentes socioeconómicos e políticos na planificación estratéxica sectorial proposta pola entidade fan pensar na creación dun órgano ou estrutura organizativa que actúe como cohesionador con capacidade para pilotar as accións e medidas propostas e sendo necesario ademais contar con dotacións, medios e recursos suficientes para levalos a cabo.

Comercio, turismo, industria e o sector profesional son os eixos sectoriais que aglutinan as distintas liñas de actuación. Así por exemplo o sector comercial planifica unha serie de actuación sobre: Centro Comercial Aberto, Prazas de Abastos, Comercio e Servizos. A área de turismo desenvolve actuación sobre: Hostalaría, Aloxamento e Servizos turísticos e así con cada un dos 4 plans sectoriais. No eido industrial a entidade pon o acento na transformación dos produtos do mar como elemento diferenciador e na economía azul.  E no ámbito profesional pon o punto de mira no gran potencial dos cambios que se están a producir nos procesos produtivos pola difusión da dixitalización e a conectividade,  a innovación tecnolóxica e automatización que abren unha gran oportunidade ao desenvolvemento de servizos de apoio de profesionais.

A planificación estratéxica de Redondela, demandada pola Asociación de Empresarios de Redondela, necesaria para acadar un ecosistema produtivo capaz de xerar vantaxes competitivas dinámicas, é unha cuestión inaprazable que debe acadar un compromiso político unánime, firme e decidido e, sobre todo, non debe quedar condicionado por aritméticas electorais imposibles.

Desde a Asociación de Empresarios de Redondela demandamos o alineamento da dos grupos políticos coas medidas para o impulso do tecido produtivo e unha resposta a nosa proposta de deseño dun modelo de cooperación público-privada capaz de construír de forma permanente o marco dun ecosistema produtivo favorecedor do desenvolvemento socioeconómico de Redondela.