reunión 1.jpg

A RECENTEMENTE NOMEADA DELEGADA TERRITORIAL DA XUNTA DE GALICIA EN VIGO REÚNESE CON REPRESENTANTES DA ASOCIACIÓN DE EMPRESARIOS DE REDONDELA.

Marta Fernández–Tapias recolle as demandas dos empresarios en materia comercial, turística e industrial para comezar a traballar nesta nova etapa.

A Asociación de Empresarios ademais de dar traslado á delegada dos problemas do sector empresarial da localidade, abordou a posta en marcha de novos proxectos en materia de Emprego que o colectivo empresarial porá en marcha de forma inminente co obxectivo de estar plenamente activos no vindeiro ano e poder así axudar a paliar as consecuencia que sobre o Emprego está a ter a actual crise provocada polo COVID-19. A reactivación da actividade en materia de Emprego é o primeiro dos importantes retos que afronta a Asociación de Empresarios de Redondela de cara ao novo ano.

 

A actividade comercial de Redondela co Centro Comercial Aberto e a Praza de Abastos como eixos das actuacións e a preocupación polas limitacións de mobilidade foron abordadas ao obxecto de permitir a configuración de área de mobilidade comercial entre os pobos que son lugar de compra e abastecemento básico das poboación limítrofes como é o caso de Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, concellos onde a oferta comercial é escasa e a veciñanza precisa fornecerse nas área comerciais máis próximas.

 

Os novos proxectos turísticos que foron planteados pola Asociaicón e que foron valorados de forma moi positiva pola Delegada non foron quen de deixar atrás as eternas reivindicacións do colectivo sobre a regulación da actividade dos Furanchos. Así a Asociación plantea un xiro radical no ámbito normativo que sexa quen de explotar o potencial de emprego e valor engadido a favor do sector da restauración e a estrita conservación da esencia do valor social do furancho.

 

O déficit de inversións en infraestruturas e as importantes repercusións sobre o esquecido sector industrial da localidade foron entre outros os temas nos que se comezou a traballar na reunión na que tamén participaron concelleiros do grupo municipal do Partido Popular de Redondela a través do que se cursou a solicitude desta primeira reunión de  traballo da que se espera ter continuidade para seguir definindo e materializando as acción propostas.