BANNER-AXUDAS-2024.jpg

AXUDAS A PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS POLA CONTRATACIÓN INDEFINIDA E A FORMACIÓN DE PERSOAS ASALARIADAS

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida e a formación de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR349F).

Se queres toda a información podes acceder a través do seguinte ligazón:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240129/AnuncioG0656-030124-0007_gl.pdf

Este programa inclúe dous tipos de axudas compatibles entre si:

 1. Bono de contratación, cuxas particularidades se recollen no capítulo II desta orde, e por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

2. Bono de formación (opcional), cuxas particularidades se recollen no capítulo III desta orde, e por medio do cal se proporcionará unha subvención ás persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, para que leven a cabo accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio desta orde, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e as habilidades relacionadas co posto de traballo.

Bono de incentivos á contratación

1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións que cumpran os seguintes requisitos:

a)    Que as persoas contratadas sexan desempregadas.

b)   Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 30 de setembro de 2023 e ata o 29 de setembro de 2024, ambas as dúas datas incluídas.

c)    Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.

d)   Que estean comunicadas ao Servizo Público de Emprego, a través da aplicación Contrat@. no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio.

2. A contratación deberá ser indefinida inicial, incluídos os contratos fixos descontinuos. O período de actividade no caso do contrato fixo descontinuo deberá ter unha duración mínima de 6 meses cada ano.

3. O contrato poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, neste último caso para ser subvencionable deberá ter unha xornada mínima do 50 %, desde o seu inicio, respecto da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria máxima legal.

4. Subvenciónanse ao abeiro desta orde a primeira, a segunda e a terceira contratación indefinida inicial que realice a persoa autónoma ou a persoa profesional.

      I.          Será subvencionable a primeira contratación indefinida inicial cando na data en que se formalice o contrato polo que se solicita a subvención non houbese outra persoa traballadora contratada cunha relación laboral indefinida.

    II.          Serán subvencionables a segunda e a terceira contratación indefinida inicial, sempre que con anterioridade á formalización deses contratos existan no cadro de persoal da persoa ou entidade solicitante, unha (para a segunda contratación) ou dúas (para a terceira contratación) persoas contratadas indefinidas. De non existiren persoas contratadas no momento previo á nova contratación indefinida, entenderase sempre como primeira contratación.

Contía dos incentivos

1. As contratacións indefinidas iniciais terán os seguintes incentivos:

      I.          Primeira persoa traballadora indefinida desempregada: 7.500 €. A contía será de 9.000 € cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a)    Muller.

b)   Persoas desempregadas de longa duración.

c)    Maiores de 52.

d)   Persoas con discapacidade.

e)    Persoas en situación ou risco de exclusión laboral.

f)     Persoas emigrantes retornadas.

g)    Persoas estranxeiras.

    II.          Segunda e terceira persoa traballadora indefinida: 9.000 €. A contía será de 11.000 €  cando a persoa desempregada se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a)    Muller.

b)   Persoas desempregadas de longa duración.

c)    Maiores de 52.

d)   Persoas con discapacidade.

e)    Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f)     Persoas emigrantes retornadas.

g)    Persoas estranxeiras.

2. Os incentivos sinalados no punto anterior incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

a)    No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.

b)   Persoas maiores de 45 anos (non será aplicable no caso de que axuda se conceda polo colectivo de maiores de 52 sinalado na letra c) das epígrafes I e II do punto primeiro deste artigo).

c)    Persoas trans.

d)   Se a persoa incorporada é unha muller nunha profesión ou oficio en que a muller estea subrepresentada.

Obrigas das persoas beneficiarias.

A persoa beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de trinta e seis meses.

Bonos de incentivos á formación

1. As persoas autónomas ou profesionais que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio do bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a.    A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma cuxo contrato se subvenciona a través do bono de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen no artigo 24 desta orde.

b.    A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.

c.     A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde a data de inicio do contrato da solicitude e deberá estar finalizada o 30 de outubro de 2024.

Contía dos incentivos

Esta formación incentivarase cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora cuxo contrato se subvenciona por medio do bono de contratación e que cumpra os requisitos establecidos neste capítulo terceiro.

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.

2. Non poderán ser beneficiarias as persoas que desenvolvesen como persoas traballadoras autónomas a mesma actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova situación de alta na Seguridade Social.

3. Non poderán ser beneficiarias nin as sociedades civís nin as comunidades de bens, así como as persoas socias ou comuneiras que as integran, nin as persoas autónomas colaboradoras.

Para máis información podes acceder no seguinte ligazón:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240129/AnuncioG0656-030124-0007_gl.pdf