2-PORTADA-SECUNDARIA.jpg

AXUDAS DESTINADAS ÁS PERSOAS TRABALLADORAS E ÁS EMPRESAS AFECTADAS POR EXPEDIENTES DE REGULACIÓN TEMPORAL DE EMPREGO DE SUSPENSIÓN DE CONTRATOS OU REDUCIÓN DA XORNADA

ORDE do 19 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás persoas traballadoras e ás empresas afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego de suspensión de contratos ou redución da xornada para favorecer o mantemento do emprego ante flutuacións da economía, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR820F).


OBXECTO


Convocatoria de axudas para paliar a situación económica e compensar a perda do poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) de suspensión de contratos ou de redución da xornada, así como axudar as empresas afectadas no relativo á compensación dos custos que supoña a formación das persoas traballadoras afectadas polos ERTE.


BENEFICIARIOS


1. As persoas traballadoras que cumpran os seguintes requisitos:


a) Que se trate de persoas traballadoras afectadas por un ou varios expedientes de regulación temporal de emprego de suspensión de contratos ou redución de xornada por causas económicas, técnicas, organizativas e/ou de produción (ERTE ETOP), en que a decisión empresarial sobre a suspensión ou redución da xornada tras a finalización do período de consultas fose comunicada á autoridade laboral competente ou en virtude de resolución xudicial adoptada no seo dun procedemento concursal.


b) Que o/os expediente/s de regulación temporal de emprego afecten, dentro do período subvencionable, un máximo de 300 persoas traballadoras por centro de traballo da empresa radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que as suspensións de contratos de traballo ou reducións da xornada se fixesen efectivas ao longo do período subvencionable a que se fai extensiva á axuda e que será o establecido na respectiva convocatoria.

d) Que os ingresos brutos mensuais das persoas traballadoras, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias, non superen 2.500 euros, ou a cantidade proporcional nos supostos de persoas traballadoras vinculadas á empresa por contrato de traballo a tempo parcial.

e) Que, no caso de ERTE de suspensión, teña unha duración de, polo menos, 25 días dentro do período subvencionable. Nos supostos de ERTE de redución de xornada a duración mínima para poder acceder á axuda será o equivalente a 25 xornadas completas dentro do referido período subvencionable. A duración máxima será de 180 xornadas de suspensión/redución dentro do período subvencionable por persoa traballadora.


2. Poderán ser beneficiarias todas aquelas empresas que conten con persoas traballadoras afectadas por ERTE de suspensión de contratos ou redución de xornada que cumpran os requisitos establecidos no punto 1 deste artigo, podendo compensar os custos derivados da formación do dito persoal, sempre que as ditas empresas cumpran cos requisitos seguintes:

a) As empresas afectadas deberán ter pactado, formando parte do plan de acompañamento social, un plan de formación coa representación legal das persoas traballadoras ou, de ser o caso, coa comisión negociadora do ERTE.

b) O plan de formación deberá executarase durante a duración do ou dos ERTE de suspensión/redución, e desenvolverse accións formativas vinculadas á actividade profesional das persoas traballadoras afectadas, co obxecto de incrementar a súa empregabilidade e adaptación ao ámbito dixital. A duración do plan formativo poderá ser a mesma que a pactada para o ERTE. A formación poderá ser presencial ou en liña.


IMPORTE DAS AXUDAS


1. No caso das axudas para compensar a perda do poder adquisitivo ás persoas traballadoras afectadas polos ERTE:

A contía da axuda fixarase en 12 ou 15 euros por xornada completa efectiva de suspensión/redución de contratos, segundo o tramo de base de cotización por continxencias comúns a que pertenza a persoa traballadora, de acordo coa seguinte escala:

     a) Para bases de cotización de ata 1.900 euros, unha axuda de 15 euros por cada xornada completa de suspensión.

    b) Para bases de cotización superiores a 1.900 euros unha axuda de 12 euros por cada xornada completa de suspensión. Esta contía entenderase para persoas traballadoras que teñan contrato de traballo a xornada completa.

No suposto de persoas traballadoras con contrato a tempo parcial, as bases de cotización entenderanse reducidas proporcionalmente, dando lugar á redución proporcional da contía da axuda.


2. No caso das axudas ás empresas afectadas polos ERTE para compensar os custos do plan de formación realizarase de acordo coa seguinte clasificación:

    a) Nivel de formación básico (sobre materias transversais ou xenéricas que capaciten para desenvolver competencias e cualificacións básicas): 7,50 euros/hora.

     b) Nivel de formación medio-superior (sobre materias que impliquen especialización e/ou capaciten para desenvolver competencias de programación e/ou dirección, ou outras): 9 euros/hora. 


PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES


1. As solicitudes de axuda para compensar a perda do poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas polos ERTE poderán ser formalizadas directamente pola persoa traballadora afectada ou pola empresa afectada polo procedemento de ERTE, en calidade de autorizada pola persoa traballadora, acreditada segundo o anexo III desta orde, e cando concorra algunha destas circunstancias:

- Que finalizase o período completo de suspensión/redución de xornada acordado no ERTE. No caso de estar afectada por varios ERTE, que finalizasen os efectos do último expediente de regulación temporal de emprego.

- Que a persoa traballadora beneficiaria alcanzase o número máximo de xornadas completas subvencionables (180).

2. As solicitudes de axuda para compensar os custos do plan de formación serán formalizadas pola empresa afectada polo ERTE.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para quen exerza a súa representación legal.

DOCUMENTACIÓN



1. No caso das persoas traballadoras afectadas, deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Certificado emitido pola empresa, segundo o anexo II, en que consten os seguintes datos da persoa traballadora: o período de suspensión/redución efectiva, dentro do período subvencionable que se estableza na decisión final comunicada, con indicación do número de xornadas completas de suspensión e os meses concretos en que se fixo efectiva a suspensión e, de ser o caso, a porcentaxe de redución de xornada, en que se fixo efectiva a redución.

b) Certificado emitido pola empresa, segundo o anexo III en que consten, de forma individualizada, os seguintes datos: a retribución mensual bruta (excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias) e a base de cotización por continxencias comúns dos seis meses completos anteriores ao inicio das suspensións ou reducións de xornada.

c) Autorización da persoa traballadora para a presentación da solicitude no seu nome, segundo anexo IV desta orde, no suposto de presentación pola empresa afectada polo procedemento de regulación temporal de emprego.

d) Certificado de vida laboral actualizado emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social en que conste o período de suspensión ou redución para o cal se solicitou a axuda.

e) Copia da documentación fidedigna que acredite a representación, no suposto de actuar mediante representante.

2. No caso das empresas afectadas polo ERTE deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) O plan de formación, que deberá estar pactado e asinado pola representación da empresa e pola representación legal das persoas traballadoras ou, de ser o caso, pola comisión negociadora do ERTE e que debe recoller o contido mínimo establecido no artigo 3.2.c).

b) Relación das persoas traballadoras afectadas polo ERTE de suspensión/redución que participaron nas accións formativas. Deberá achegarse cos partes diarios de asistencia ás accións formativas, asinados polas respectivas persoas traballadoras e polo persoal docente.

c) Descrición das acción formativas desenvoltas segundo anexo V.

d) No caso de que a formación sexa impartida pola propia empresa:

     I. Persoal docente: factura que desagregue os custos do persoal docente, indicando denominación da acción formativa impartida, número de horas de formación impartidas, custo por hora e importe total que se percibirá e documento bancario que acredite as transferencias aboadas.

     II. Custos de materiais didácticos e subministracións: facturas que identifiquen o material didáctico, de seguridade, de protección e consumibles entregado ás persoas traballadoras, indicando o número de unidades adquiridas, o prezo por unidade e o importe total e os correspondentes xustificantes de pagamento.

e) No caso de que a formación sexa prestada por unha entidade externa deberase achegar:

     I. Contrato realizado en que figuren o seu obxecto e a súa duración.

     II. Factura correspondente como xustificante de gasto, no cal se inclúan a actividade realizada, o número de horas impartidas, o custo por hora e o importe total correspondente.

     III. Documento bancario que acredite a transferencia aboada


PRAZO

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución do departamento con competencias en materia de emprego e/ou relacións laborais e, permanecerá aberto, con carácter permanente, ata o 31 de outubro de cada exercicio.


Data de publicación das bases: 01/07/2020

Data de publicación da resolución: 01/07/2020





Enlaces relacionados