BONO DAS PERSOAS AUTÓNOMAS 2021
ORDE do 28 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR341Q).
Data inicio solicitude: 13/07/2021
Data fin solicitude: 13/08/2021
Características da axuda
Esta axuda poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80% da actividade que se subvencione cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.
Serán subvencionables as seguintes liñas de actuación:
Liña 1: Mellora da competitividade a través dos seguintes servizos
- Investigación de mercado
- Plan de márketing
- Plan de comunicación do negocio
- Plan estratéxico do negocio
- Plan crecemento: constitución sociedade
- Plan de reorientación do negocio
- Plan de transformación dixital.
- Plan de refinanciamento.
- Outros estudos e planes que teñan como fin aumentar a competitividade.
Liña 2: Mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos
- Compra de maquinaria
- Compra de útiles e ferramentas
- Reforma do local do negocio
- Equipamentos informáticos
- Rótulos
- Mobiliario
- Aplicacións informáticas e páxinas web
- Creación logotipo do negocio.
No caso de solicitar ambas liñas de axudas (as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran), atenderase en primeiro lugar a liña 1 e despois a liña 2 co límite máximo de 3.000 € de axuda polo conxunto de actividades subvencionables.
Persoas beneficiarias
Serán beneficiarias, entre outras, as persoas autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano 2020.
As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses.
b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.
c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración
referida ao ano 2019 realizada inferior a 30.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto
do sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas,
este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de
actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade
ou comunidade de bens.