DÍA-DA-NAI-foto-noticia2.png

MAIO CHEGA CHEO DE FLORES A REDONDELA

A Asociación de Empresas de Redondela pon en marcha, con motivo do día da nai, unha campaña de dinamización do comercio da localidade na que as flores serán as protagonistas da decoración temática.

Coa chegada da primavera Redondela énchese de flores que son as protagonistas de moitas tradicións locais, os Maios e a arte floral dos e das alfombristas de Redondela son o máximo expoñente de todas estas tradicións. Neste ano o día da Nai encherá de cor os establecementos cunha decoración temática baseada en flores. Singularmente a Asociación pretende crear unha experiencia de compra diferente e empregará unha estratexia de marketing olfativo que tamén encherá Redondela dun singular arrecendo floral.

 

Trátase dunha novidosa aposta por unha experiencia sensorial única, onde os visitantes e clientela serán envoltos nun ambiente de flores e arrecendos naturais e florais que reforzarán a súa experiencia de compra. A través do marketing olfativo, buscamos crear unha conexión emocional entre os clientes e o comercio local, transformando cada paseo e cada compra nun momento inesquecible.

Para a posta en marcha desta acción de marketing contamos coa colaboración da empresa expecializada en marketing olfativo ENAROMA. Esta mañá o seu responsable Javier Barral explicou aos propietarios dos comercios locais como implementar esta ferramenta de marketing nos seus establecementos e fará visitas personalizas para adaptar a cada establecemento os parámetros máis axeitados. Grazas a esta iniciativa, os establecementos poderán contrastar de primeira man esta ferramenta de marketing usada por marcas de referencia a nivel global. O marketing olfativo ten demostrado ser unha estratexia efectiva para fortalecer a identidade comercial, mellorar a experiencia do consumidor e potenciar a conexión emocional co produto ou servizo.

Ao integrar aromas específicos no ambiente de compra, os comercios da localidade terán a oportunidade de comprobar directamente como este elemento inflúe na percepción dos clientes, favorecendo unha atmosfera máis acolledora e distintiva. Esta experiencia permitirá avaliar os beneficios desta técnica e explorar novas formas de fidelización que van máis aló do tradicional, transformando a visita aos establecementos nun momento sensorial memorable.

E por suposto o que non podería faltar nunha campaña deste tipo son os premios e agasallos e así contempla unha campaña de ACUMULACIÓN DE PUNTOS POR COMPRAS que estará activa dende hoxe 25 de abril ata o 25 de maio. Esta campaña busca premiar a fidelidade dos consumidores e incentivar as compras no comercio local, reforzando a conexión entre os establecementos e a comunidade. Os puntos acumulados poderán ser canxeados por agasallos do catálogo especialmente deseñado con motivo do Día da Nai. Para participar a clientela ten que rexistrar os tickets de compra na plataforma de sorteos da Asociación de Empresas de Redondela https://www.participa.empresasredondela.gal/

Os establecementos dispoñen dun cartel de mostrador no que no momento de realizar a compra teñen un código QR para acceder directamente a plataforma de rexistro de compras, que irá sumando automáticamente os puntos e a clientela poderá consultar na súa conta os puntos que vaia acumulando durante todo o período. Unha vez finalizado o período de acumulación de puntos a clientela poderá solicitar o canxe dos puntos por premios do catálogo.

Pero as iniciativas da campaña non rematan ahí, o marketplace do comercio local éncherse de ideas e promocións para regalar este día na nai. Para estar ao tanto de todas estas promocións tan so hai que acceder ao marketplace conxunto do comercio local ou seguir as redes sociais da asociación. Ademáis todos os produtos dispoñibles para a compra online estarán directamente enlazados coas pasarelas de pago de cada comercio facilitando á clientela tamén a compra online no comercio local nunha experiencia de compra áxil, segura e cómoda, garantindo que poidan seguir mercando no comercio de proximidade sen complicacións.