
OS COMERCIANTES DE REDONDELA RECLAMAN PARTICIPACIÓN NAS DECISIÓNS URBANÍSTICAS DO CONCELLO QUE AFECTAN AS RÚAS COMERCIAIS A TRAVÉS DA MESA DE COMERCIO.
Un asunto del tal importancia para a actividade comercial debería ser tratado na mesa de comercio. Un órgano de participación, coordinación e colaboración entre a administración local e as asociacións representativas do sector comercial e os consumidores no que non se presentou ata o de agora ningún proxecto.
Compre lembrar que o obxectivo principal destas mesas de comercio é
fomentar o diálogo e a cooperación no deseño e execución de políticas
comerciais que afecten ao Concello. A pesar de que o Concello atende con
dilixencia as solicitudes de convocatoria cursadas pola Asociación para informar dos proxectos que se
desenvolven ao abeiro do Proxecto de Centro Comercial Aberto ou da Praza de
Abastos con apoio da Xunta de Galicia e dos que a Asociación da cumprida
información, o Concello, pola contra, non informa dos seus proxectos que
afectan á actividade comercial.
A Asociación de Empresas de Redondela manifesta o seu malestar pola
falta de consulta nos procesos de peonalización e humanización que o
Concello pretende levar a cabo.
Considerando a importancia de dar voz a todos os negocios locais de todos
os sectores que a Asociación representa, puxemos en marca unha enquisa para
coñecer a opinión de todos os nosos asociados. A día de hoxe e cunha mostra
significativa que representa ao 50% das actividades comerciais os resultados
desta enquisa amosan unha clara preocupación polos efectos negativos que estas
actuacións urbanísticas poderían ter na actividade comercial,
particularmente pola eliminación de prazas de aparcamento e pola ausencia de
alternativas viables que faciliten o acceso á vila tanto para residentes como
para visitantes.
Segundo a enquisa, un 93,3% dos participantes coinciden en que Redondela
carece dun plan urbanístico de peonalización que responda aos criterios de
urbanismo comercial.
Un 90% considera que nunca ou case nunca se conta coa opinión dos
negocios locais, e que en todo caso esa opinión debe ser previa a planificación
ou posta en marcha dos proxectos.
E un 83,3% considera que Redondela non está preparada para acometer
intervencións de peonalización, sen que previamente se aborden medidas de
mellora da accesibilidade á zona urbana. Aínda que a maioría dos enquisados non
se opoñen ás intervencións de humanización das rúas comerciais se previamente
se realizan as medidas de mellora da accesibilidade e se crean novas áreas de
estacionamento disuasorio. O 66,7% considera que as experiencias de
peonalización non benefician aos negocios situados nesas rúas. Malia todo consideran
que a peonalización podería beneficiar ao comercio local si se atenderá a criterios
de urbanismo comercial aínda que este
optimismo queda eclipsado pola preocupación xeneralizada sobre a perda de
accesibilidade e comodidade.
R/ Salguiral, Paseo da Xunqueira, R/ Telmo Bernárdez, R/ Padre Samiento
ou a zona de estacionamento da Avenida Ernestina Otero presentan un rexeitamento
de mais do 66% dos negocios locais. Segundo os resultados da enquisa, non hai
un consenso claro sobre as rúas que poderían ser peonalizadas en Redondela.
Moitos participantes subliñan que ningunha das actuais é axeitada para a
peonalización, principalmente debido á falta de alternativas de aparcamento e á
pouca planificación existente.
Caso particular é o da R/ Telmo Bernárdez, no que ademais é
necesario prever rutas alternativas para vehículos e garantir que a peonalización
non xere conxestión noutras áreas. Adicionalmente, dada a súa pronunciada
pendente requiriría de medidas de accesibilidade universal que, parece, non se
están a considerar.
A peonalización do Paseo da Xunqueira é outra das intervencións
que, na enquisa, identifícase como carente de utilidade pública tendo en conta
que a rúa non conta con actividade comercial, o impacto positivo da
peonalización en termos económicos é limitado. Ademais, ao estar xa pegada a un
paseo, o uso peonil xa está garantido nesa área, polo que o cambio pode ser
redundante. Engádese e identifícanse outras preocupacións como que a peonalización
deste ámbito pode dificultar o acceso en coche aos residentes e usuarios do
único parking privado que existe na vila.
Os negocios locais
demandan, antes de por en marcha calquera intervención, aparcamentos
disuasorios, un mellor acceso ás rúas afectadas e a creación de rutas
alternativas para evitar atascos. Estas medidas son vistas como imprescindibles
para mitigar os efectos negativos da peonalización.
Polo tanto reclamamos
que o Concello de resposta a seguintes demandas:
Accesibilidade
e aparcamento: creando de
aparcamentos disuasorios próximos ás zonas peonalizadas é imprescindible para
garantir que os clientes poidan acceder facilmente aos comercios e é necesario
planificar rutas alternativas para evitar
atascos e facilitar o acceso ás áreas comerciais.
Consulta e
participación: ter en conta a
opinión dos comerciantes e veciños a través de mecanismos como a Mesa Local de
Comercio. Isto asegura que as decisións reflictan as necesidades reais da
comunidade.
Realizar unha Planificación integrada: a
peonalización debe formar parte dun plan urbanístico máis amplo que contemple o
impacto no tráfico, na mobilidade e na economía local e é esencial realizar
estudos pormenorizados sobre os efectos da peonalización antes de acometer as
obras.
Equilibrio entre peonalización e actividade comercial: As rúas seleccionadas para peonalizar deben ter unha alta densidade de comercios e servizos para maximizar os beneficios económicos, é importante evitar a peonalización en áreas onde a eliminación de aparcamento ou accesos poida ter un impacto negativo significativo e onde a actividade comercial sexa nula, inexistente ou non teña posibilidades de xerarse.
Todo o sector empresarial está
desexoso de que en Redondela se realice unha gran intervención urbanística que
marque un fito na renovación da vila e que ofreza vantaxes claras, como
melloras na estética urbana, na iluminación, na redución de ruído e
contaminación e un aumento do fluxo de persoas paseando polas zonas comerciais
e que ademais veñan acompañadas de recursos económicos para realizar campañas
de promoción para atraer visitantes e fomentar o comercio local, organizar
eventos e actividades nas zonas peonalizadas para axudar a revitalizar a economía
local.