VISITA GUIADA POLA REDONDELA MARIÑEIRA
Servizo de Visitas Guiadas ofrecida POR MELLOR CON GUÍA
DESCRICIÓN DO ITINERARIO
Á hora acordada encontrarémonos no palco da música situado na Alameda Castelao para iniciar o noso percorrido polos antigos portos de Redondela, hoxe desaparecidos.
Desde o punto de encontro dirixirémonos ó paseo da Portela onde iremos descubrindo restos do pasado industrial da nosa vila mentres desfrutamos da contorna natural da zona.
Ó final do paseo, penetraremos no corazón do barrio da Portela onde atopamos a casa natal do doutor Martínez, un destacado médico que colaborou na salvación de milleiros de xudeus durante a Segunda Guerra Mundial.
Poderemos ver a Punta Socorro e o edificio da antiga fábrica de fundición de metais, que aínda segue en pé, desafiando o paso do tempo, ademais de desfrutar dunhas vistas espectaculares da enseada de San Simón coa illa ó fondo.
Falaremos de fenómenos paranormais ocorridos no barrio e culminaremos a visita no peirao dos Carabineiros, que xogaron un papel fundamental na batalla de Pontesampaio contra os franceses.